Sunday 28 de April de 2024

A Xunta aproba 7 novos proxectos de pemes galegas que mobilizarán 3,4M€ para a fabricación de equipos de protección fronte á covid-19


O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta semana no Comité de fabricación no que se avaliaron estas iniciativas

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta semana nunha nova xuntanza do Comité de fabricación de equipamento sanitario e de material para a protección dos traballadores, que aprobou apoiar sete novos proxectos de pemes galegas que van mobilizar 3,4M€ para a fabricación de medios de protección fronte á covid-19.
Con estes sete proxectos, son xa 55 as iniciativas aprobadas polo Comité de fabricación, do que forman parte a Vicepresidencia económica e as consellerías de Sanidade e Política Social, e que mobilizan 9,6 millóns de euros dos que a Xunta achega preto de 5,5 millóns.
Cómpre salientar que con estes 55 proxectos aprobados ata o de agora as necesidades máis urxentes de material xa están cubertas, posto que Galicia adquire a capacidade de producir ao día máis de 1,3 millóns de unidades de máscaras e máis de 27.000 litros de biocidas, entre outros produtos, como batas (máis de 7.000 unidades diarias); mamparas (máis de 1.700 ao día) ou pantallas (máis de 12.000 ao día).
En total, o Goberno galego ten previsto destinar a través do Igape 7,5 millóns de euros para axudar ás empresas galegas con capacidade de fabricar medios de protección e loita fronte á covid-19, tanto a través da liña Inviste Covid, dotada con 5 millóns de euros, como dos apoios para a reorganización produtiva das pemes galegas, de 2,5 millóns de euros.
No marco do Plan de reactivación económica, a Xunta destina preto de 12 millóns de euros a impulsar o desenvolvemento e fabricación en Galicia de produtos e solucións innovadoras para facer fronte á covid-19 a través de iniciativas como as diferentes liñas. Ademais das dúas liñas aprobadas polo Igape, púxose en marcha unha nova liña de axudas da Axencia Galega de Innovación (Gain) por 3 millóns de euros para apoiar proxectos de investigación relacionados coa covid-19. O programa financiará iniciativas que conseguiron avaliación positiva na convocatoria do Instituto de Salud Carlos III pero non obtiveron financiamento.

Gain tamén activou diferentes convenios de colaboración mediante os cales apoia 8 solucións innovadoras de pemes e universidades galegas transferibles ao sector da saúde, a industria e o comercio, cun investimento público de 0,75M€. E ademais está en marcha a aceleradora Connect-19, especializada na comercialización de solucións fronte á covid-19, que permitirá consolidar 20 proxectos de pemes. Desenvólvese coa colaboración do Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas (Ourense), buscando que estes 20 plans poidan medrar e mellorar ao longo dos próximos meses e ata finais de ano.